ATIO GNU/LINUX XFCE 64

Quería que primeira nova deste ano 2018 fose algo especial. E que mellor maneira que comezalo ano presentándovos a miña maqueta Linux. Trátase de ATIO GNU/Linux 18-1 con escritorio XFCE 64 bit, baseada en Debian Buster 10 (testing). Foron varias as distribucións que estudei antes de animarme coa miña: Debian, a Maqueta Abalar Libre, Debex, pero sen dúbida a que máis me axudou foi Monarca de CotidianaPlace do meu amigo Nacho, e a experiencia que fun gañando cos servidores Linux, que dito de paso, non é moita; sendo un eterno aprendiz. Espero que vos guste.

A única finalidade da publicación desta maqueta é a didáctica, seguir aprendendo cousas deste fantástico sistema operativo e da atmosfera do software libre. Polo tanto, xa que non ten unha finalidade comercial, seredes os usuarios os únicos  responsables das consecuencias derivadas dos erros e das incidencias que puidera presentar.  Para os que nunca empregades GNU/Linux, animádevos. Aqueles usuarios que se pasan a Linux raramente volven ao sistemas operativos comerciais, xa que estes últimos carecen do máis importante: duns usuarios que pensan distinto e aprecian a liberdade e o coñecemento libre e compartido.

 

escritorio

 

Imaxino que vos preguntaredes, que aporta esta maqueta de diferente ás demais, ademais dun fondo de pantalla da miña praia favorita, Nemiña. Centreime en que os paquetes e versións de software fosen o máis actuais, procurei que o proceso de instalación resultase o máis sinxelo posible, que puidéramos conectarnos desde outro equipo, tanto desde Windows como desde Linux, empregando o escritorio remoto e por último, e non menos importante, que contáranos cun sistema operativo lixeiro e áxil. Trátase dunha imaxe Refracta que inclúe o kernel 4.14.0-3-amd64, que é kernel que emprega por defecto, pero poderíase arrancar tamén desde o 3.16 ou  4.9.

chis

 

Conta co instalador universal Calamares 3.1.10, co obxectivo de que a instalación non resulte complexa. Desde o instalador podemos engadir un usuario, definir o idioma da instalación (aínda que o Calamares non está traducido ao galego, poderemos seleccionar o galego como idioma de instalación do sistema operativo na segunda fiestra), e particionar o disco duro de destino de maneira rápida.

 

calamares

 

Conta con moitos servizos: cups (para instalar as impresoras), openssh, samba para xestionar ficheiros en remoto ou para compartir ficheiros con outros sistemas operativos e a posibilidade de conectarse a ATIO GNU/LINUX desde outro equipo empregando o protocolo RDP, contando no cliente con son reproducido no servidor e montando as unidades do cliente que desexemos no servidor. En canto ao software instalei pouco, pois é algo moi persoal, e cada usuario ten unhas necesidades particulares. Pero, como vos imaxinades, pódese incrementar ou eliminar o software que desexemos da maqueta. Entre os programas instalados, destaco LibreOffice 5.4.4, Firefox 57, Scratch e Remmina entre outros.

Unha vez descargada a  ISO, deberemos de crear un USB Live, ou como non, un DVD Live. Para os que nunca creastes ningún usb-live, adiántovos que consiste nun proceso moi sinxelo. Podedes seguir o explicado nesta entrada. No meu caso, normalmente  emprego a orde dd desde o terminal, que ainda que sendo máis lento é máis fiable. (dd if=ficheiro.iso of=/dev/sdx)

Importante. A primeira vez que arranca o sistema funciona con lentitude, pois ten que configurar varios parámetros. Debedes de reinicialo para que colla o nordés da Costa da Morte!

Descarga: http://atio.es/atio_os

sha256: http://atio.es/atio_os/ATIO-64bit-XFCE-18-1.iso.sha256

 

 

Subscribe to ATIO-GNU/Linux