Tinytex é unha distribución Latex basada en TexLive pero cun tamaño moito menor, un 60 Mb. É unha distribución moi empregada polos usuarios de RStudio. Vexamos como se instala co obxectivo de editar directamente en Latex co voso IDE favorito. Se traballamos con RStudio, o propio programa instala de forma automática os paquetes necesarios, pero no caso de usar un IDE como o Visual Studio Code, teremos que instalalas de forma manual.

https://yihui.org/tinytex/

https://cran.r-project.org/web/packages/tinytex/tinytex.pdf

Abrimos o terminal e executamos as seguintes instrucións desde o propio usuario, é dicir, sen escalar privilexios a root

wget https://yihui.org/tinytex/install-bin-unix.sh
chmod +x install-bin-unix.sh
./install-bin-unis.sh
 
E comprobaremos que programa queda instalado nas rutas /home/usuario/.Tinytex e /home/usuario/bin. Neste último teremos os executables pdflatex, xelatex, etc
 
Pero obviamente podemos movelo á ruta que desexemos, pois é portable. Pero debemos configura o .bashrc do usuario para chamar aos executables.
cd ~/
nano .bashrc
 
E engadimos as seguintes liñas ao final do ficheiro:
#Tinytex
export PATH="$PATH:$HOME/bin"

Unha vez configurado este ficheiro podemos pechar e abrir novamente a sesión ou máis sinxelo, recargar a configuración sen falta do anterior. Para isto empregamos a orde source.

source .bashrc
Para comprobar que está ben configurada a ruta, podemos facelo coa orde which, e o sistema imprimirá a ruta /home/usuario/bin/pdflatex
 
which pdflatex

O programa está instalado. Sen embargo ao compilar un documento, por exemplo do documento mestre publicado neste blog, o sistema comezará a imprimir fallos, como o seguinte:

'! LaTeX Error: File `silence.sty' not found.'

Significa que o Tinytex non conta con esas librerías e polo tanto non é quen de compilar o documento. Polo tanto debemos instalar as extensións de forma manual. Contamos con moitas, estando publicadas na seguinte páxina:

https://ctan.javinator9889.com/systems/texlive/tlnet/archive/


Executando as seguintes instrucións, xa instalamos moita delas. Poderíamos poñelas nunha única instrución, pero por claridade á hora de editar  neste blog dividinas en catro.

tlmgr install silence ragged2e fancyhdr emptypage zref marginnote apacite
tlmgr install pgf preview xcolor appendix collectbox adjustbox lipsum imakeidx
tlmgr install imakeidx tcolorbox environ babel-spanish babel-galician
tlmgr install pythontex fvextra upquote lineno xstring pgfopts newfloat currfile multido

E executámolas no terminal, tendo en conta que tarda un cachiño en instalalas. Se nalgún momento xa instalamos no sistema o texLive, moi probablemente non estaremos chamando ao tlmgr co cartafol ~/bin que acabamos de instalar, senón á versión instalada en /usr/bin e o sistema imprimirá un erro. A maneira máis simple de solucionar isto é renombrar o tlmgr da carpeta /usr/bin. Para comprobar a cal deles chamamos:

which tlmgr
/usr/bin/tlmgr

Neste caso renomeamos este ficheiro

su root
mv /usr/bin/tlmgr /usr/bin/tlmgr.old
exit

E comprobamos novamente se estamos chamando ao tlmgr do cartafol ~/bin

E xa está correctamente configurado, e polo tanto xa podemos executar as ordes de tlmgr install sen obter fallos, agás que os paquetes non sexan atopados na páxina https://ctan.javinator9889.com/systems/texlive/tlnet/archive/

No caso no que queiramos compilar un boletín con código python, como o explicado na nova, en primeiro lugar debemos instalar a ferrramenta pip. En Arch Linux instálase do seguinte xeito:


pacman -S python-pip

E unha vez instalada, procuramos e instalamos a librería pygments

pip install pygments

E o documento pdf obtense despois de executar as seguintes ordes, que por suposto podemos recortar creando un atallo.

pdflatex --shell-escape -synctex=1 -interaction=nonstopmode *.tex
python3 ~/.TinyTeX/texmf-dist/scripts/pythontex/pythontex3.py *.tex
pdflatex --shell-escape -synctex=1 -interaction=nonstopmode *.tex